domingo, 29 de mayo de 2011

Xa temos casulos

Medraban e medraban os 12 vermes que nos quedaron despois dos agasallos que fixemos á Alicia (irmá de Javi) e as súas veciñas. Estas fotos son do día 24 de maio, o martes pasado:


Pensabamos que estaban xa a piques de empezar a facer os casulos para a súa transformación; e non tardaron moito, o venres empezaban dous deles a traballar e hoxe, domingo, xa temos 10 casulos. Este foi o primeiro, entre unha foto e outra pasaron 6 horas moi atarefadas:


Deixan de comer e empezan a buscar por riba un tope. Nótase que non ven, queren paredes fixas, que non se movan, nas que pegar os fíos de seda fortemente para preparar o terreo. Están gordechos e brillantes, pero antes de empezar o traballo soltan os restos das derradeiras follas comidas en forma de bolas de excremento (saen de cor verde escura, pero se volven negras en pouco tempo).
    Estoutro fixo un casulo en posición xeitosa para observalo, foi emocionante:


E o quinto empezou a buscar un lugar axeitado mentres outros dous vermes tecían en parella, canto movemento en tan pouco tempo!:

martes, 24 de mayo de 2011

lunes, 23 de mayo de 2011

Morus alba (Moreira branca)

Descrición formal da moreira:
Árbore caducifolia orixinaria do centro e leste de Asia, principalmente China e Xapón. Ten follas con pecíolo longo, bastante grandes 6-18 cm, de forma ovada, algo irregulares ou asimétricas na base, lobadas ou non e coa marxe dentada. Os froitos son as moras de cor rosada. As súas follas utilízanse para alimentar a vermes de seda e a súa madeira emprégase en carpintería, na construción e para fabricar diferentes tipos de utensilios. Así mesmo, aprovéitanse as súas fibras para facer tecidos.
(O texto está tomado do traballo Roteiros verdes da USC. Árbores e arbustos no Campus Sur en Santiago de Compostela, realizado por María Isabel Fraga Vila, Manuel Iglesia Fernández e Celestino Quintela Sabaris)

viernes, 20 de mayo de 2011

Agasallamos vermes

Hoxe levamos estas caixas a Alicia (irmá de Javi) e a Irene e Brais, a quen ofrecemos algúns vermes e os aceptaron. Estamos seguras de que os coidarán moi ben. Eleximos dos máis grandiños para Alicia e  dos pequenos para Irene e Brais. Temos que repartir máis na escola, aínda que no Quiroga Palacios xa son bastantes as nenas e nenos que teñen na clase ou na casa.

     

Recomendamos comprobar cada día como están e limpar a caixa cada dous ou tres días. A moreira consérvase perfectamente na neveira, metida nunha bolsa de plástico, ata unha semana.

sábado, 14 de mayo de 2011

De limpeza

Hoxe Alicia e Helena limparon as caixas dos vermes e revisaron que todos estivesen ben. Os máis pequenos aínda couberon todos nunha folla mentres lles preparaban a casa.

Durante a limpeza apareceron xa bastantes mudas deixadas nas ramas e nas follas.

viernes, 13 de mayo de 2011

Máis moreira

Onte dende o autobús vimos unha frondosa moreira diante da piscina de Santa Isabel. Que grande e lustrosa!

martes, 10 de mayo de 2011

Reconto de hoxe

Hoxe contamos 30 vermes nunha caixa e 33 na outra, parece que os coidamos ben, porque non morreu ningún. Van medrando e cambiando de pel. Os máis grandes agárranse con máis forza. Desde recén nados teñen xa fíos de seda. Resulta difícil collelos ao principio por seren tan pequechos e por causa deses fíos cos que adoitan agarrarse. Ao principio comen polo medio das follas, gústalles máis o envés (o revés), máis rugoso e de cor máis clara. A imaxe típica de vermes da seda comendo polo borde só a temos cando son xa máis grandes.

lunes, 9 de mayo de 2011

Moreira



O máis importante cando queres criar vermes de seda é saber onde atopar o único alimento que poden comer: as follas da moreira. A moreira é unha árbore de folla caduca, orixinaria de Asia. Ten grandes follas dun verde intenso.







Non resulta tan doado atopala en Compostela. Temos tres lugares localizados, pero non son tantas as árbores: hai seis moreiras no barrio de Santa Marta, saíndo de Santiago na beirarrúa esquerda, antes de chegar á Igrexa de Santa Marta, xusto antes dunha tenda de Coren(Grill); tres delas son as da foto; o malo é que as podaron o ano pasado e non resulta doado chegar ata as follas. Logo hai outras no Campus Vida, diante da Facultade de Física. Por último, onde máis se poden atopar, que nós saibamos, é no parque de Belvís, no aparcadoiro do Concello que hai na parte baixa do parque.

domingo, 8 de mayo de 2011

Pasado e presente

Todo comezou no mes de xuño de 2010, cando nosos amigos Bibi e Tino nos regalaron varios vermes xa algo grandiños. Gustounos coidalos e alimentalos, tiñamos a ilusión de verlles facer os casulos e de ver o cambio de verme a bolboreta (metamorfose). Tamén serviron para levalos á escola; 4º de Primaria é un bo momento para comprender todo o proceso.

Este curso xa temos regalado, hoxe mesmo, 20 vermes a Alicia. Primeiro houbo que prepara unha caixa xeitosa, facer buratos, poñer perfume de moreira, elexir os vermes:



Despois Alicia repartiu coa súa irmá Sandra, que preparou tamén unha caixa-casa para os seus 6 vermes:

sábado, 7 de mayo de 2011

Vermiños





Esta primavera temos vermes de seda que son fillos dos que criamos o ano pasado. A día de hoxe temos case 90, repartidos en dúas caixas (aínda son moi pequeniños).


Nesta segunda foto vense rexistradas as datas importantes desde que gardamos a caixa cos ovos en xullo do ano pasado no trasteiro, ata que a subimos ao calor da terraza da cociña o mes pasado e empezaron a nacer os vermes. Esta semana tomamos a decisión de tirar ao lixo os ovos que quedaban; segundo Bibi, se deixamos que nazan todos os vermes non vai chegar coa moreira de Santiago para alimentalos.