domingo, 20 de mayo de 2012

Vista dende o satélite


A invasión dos casulos

Este ano os vermes comeron e medraron tanto que empezabamos a temer que non pararan. Mirade que gordechos.


Coller moreira, limpar as caixas, revisar a talla... Déronnos moito traballo. Aquí están Helena e Alicia de limpeza (o venres 11 de maio):



E por fin o pasado 14 de maio empezaron os primeiros vermes a facer o casulo. Estas fotos están tomadas con 24 horas de diferencia:


Cada día uns 5 ou 6 vermes deixaban de comer e comezaban a buscar un recuncho onde pegar a seda. Houbo que axudarlles construindo paredes de cartón.



O máis efectivo resultaron finalmente as caixas de ovos, teñen un tamaño moi axeitado para un ou dous vermes:




Aínda que os casulos son todos amarelos, apréciase nesta fotografía a diferencia de cor. Se non vixiamos é frecuente que os vermes comecen a tecer a seda na tapa da caixa, como lles pasou a Pablo e Manoel:

jueves, 17 de mayo de 2012

Sete pares de patas


Pinchando na foto podedes vela ampliada. Paga a pena.

Vermes viaxeiros

Xa coa temporada bastante adiantada, aínda regalamos vermes a algúns amigos: a Felisa, para as súas nenas Elsa e Alda; a Pablo, da clase de 6º, que non lle quixo dicir a súa nai que nolos pedira por medo a que non lle deixase crialos; a Manel e Pablo H., tamén alumnos do Quiroga Palacios, que enviaron esta luminosa foto tomada o 7 de maio para ilustrar o blog. Grazas! Vese nela o ben coidados que están.


viernes, 11 de mayo de 2012

Terceira muda

Estas fotografías son do pasado 5 de maio, día en que atopamos novamente vellas mudas por todas partes.  Están medrando tanto os vermes que precisan comida fresca cada xornada. É emocionante quedar observando en silencio e escoitar o rítmico runrún das cabeciñas contra o verde.



martes, 1 de mayo de 2012

Seguimos a aprender cousas dos vermes de seda

Na actividade desta temporada estamos a aprender cousas novas grazas ao contacto con outras persoas que coidan vermes e disfrutan vendo como viven e medran. Agora sabemos de que cor será o casulo antes de que se empece a facer, e o número exacto de mudas que acontecen na vida dun verme de seda. Grazas ao blog de Andrea e Francisco poidemos coñecer as interesantes explicacións de Vicente de Alba Mora, que ilustra ademáis o seu blog con magníficas fotografías. Recomendamos especialmente a consulta dos pasos nos que resume con consellos prácticos e sinxelos COMO CRIAR vermes de seda. Dende o blog de Vicente, temos tamén acceso a outros lugares de interese, en especial se desexamos aprender sobre especies diferentes de vermes.


Segunda muda


Á volta da fin de semana, que pasamos fora, atopamos que os vermes cambiaron de pel. Nas fotografías se pode apreciar o cambio, a da esquerda é do xoves (26 abril) e a da dereita é de onte (30 de abril). Na foto de abaixo xuntamos un verme coa súa muda vella.


Seguimos tendo moitos vermes (perto de 150), a pesar de que xa fixemos bastantes agasallos: regalamos algúns a Yoli, e tamén a Uxía e Alberte, ademáis de Alicia. Témoslle algúns reservados a Pili (e Pepa). Tamén levamos unha caixa á escola, á aula de 6º, que Manoli aceptou de bo grao.